09/12/11

O MICRORRELATO

Despois de ler e comentar o limiar de R. Dieste e unhas nocións básicas do que debe ser un microrrelato, escoitade con atención o que están a dicir nesta reportaxe varios escritores acerca do que eles entenden por microrrelato.



Puxestes atención? Pois agora a bola pasa para o voso tellado. Ides poñer a andar a vosa imaxinación e a vosa orixinalidade. Estou segura de que sairán cousas ben interesantes. Bo traballo! 

08/12/11

AS PALABRAS DUN MESTRE

         LIMIAR
  • A unidade emotiva conséguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir.
  • O remate ha ter a virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas.
  • A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en todos os currunchos do relato.
  • O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente.
  • O conto é unha pelica na que se sente o pulso dunha imaxe contida.
  • O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz.
Con este LIMIAR comeza Rafel Dieste Dos arquivos do trasno, unha síntese da súa teoría do conto que veremos aplicada nos vinte relatos con que nos agasalla a continuación. Son contos sinxelos e emotivos nos que soe introducir algún elemento extraordinario como parte da realidade e con finais abertos e moitas veces sorprendentes.

14/11/11

CASTELAO

Castelao é artista gráfico e escritor e soe botar man de ambas artes para denunciar a miseria e o abuso de poder sobre os máis débiles, como fai en Cousas da vida
e tamén no seu libro de relatos COUSAS que podedes ler se premedes AQUÍ.

12/11/11

A VELLIÑA VELLA NO S. XXI (IV)

Bosque autóctono de Galicia
A velliña vella foi falar cun fillo seu que se dedicaba a plantar árbores cuxa madeira vai ás fábricas de papel e díxolles:
- Antes os meus bosques tiñan árbores autóctonas e agora non hai máis que eucaliptus e uns poucos carballos. Veño a pedirche que repoboes os bosques galegos coas árbores da túa terra.
E el contestoulle:
- Ter, tés razón, mais as nosas árbores autóctonas tardan en medrar e necesitan moito coidado, o que supón diñeiro, e o leñador necesita madeira que levar ás fábricas  para facer papel. Non terá madeira abundante se non planta árbores que non necesitan coidado.
A velliña vella camiñou ata a casa do leñador e díxolle:
- Veño a pedirche que deixes medrar as árbores autóctonas uns anos antes de os serrar; e que leves menos madeira ás fábricas para que o xardineiro poida dedicarlle máis tempo ás árbores que necesitan coidado, porque se che ten que plantar vinte eucaliptus non ten tempo de plantar tres carballos. E así non pode Galicia disfrutar das árbores da súa terra.
- Entendo o que dis, pero cada mes teño que levarlle aos traballadores das fábricas certa cantidade de madeira, que non podería levar se o xardineiro non plantase vinte árbores. Interésame gañar cartos e se non demando vinte árbores non terei diñeiro. Teño que entregar madeira cada catro meses e unha árbore autóctona tarda máis de catro anos en medrar mentres que un eucaliptus non. Quero cartos, señora miña.
E a velliña vella foi falar co dono da fábrica:
- Veño a dicirche que reduzas a produtividade da túa fábrica para que os bosques galegos teñan tempo de volver a encherse de árbores galegas.
- Non podo facer iso- dixo o dono -non baixarei a produtividade da miña fábrica, o diñeiro non medra nas árbores.-
- Perderanse as árbores galegas se isto segue así. Pero a esperanza é o último que se perde: algún galego plantará árbores galegas sen ánimo de lucro, sen esperar obter beneficios, farano para que os seus fillos poidan ver o bosque galego con árbores galegas. Ou os seus netos.
Ana R. B.

11/11/11

A VELLIÑA VELLA NO S. XXI (III)


Camiñando lentamente polas suxas e molladas rúas de Santiago ía a velliña vella. Ía soa, vestida de loito e con bágoas nos ollos, talvez recordando mellores tempos pasados.
Era por iso que a velliña vella se atopaba na capital galega para reencontrarse cos seus fillos e pedirlles que a axudasen a recuperar o que verdadeiramente lle pertence nesta época que é unha farsa: malia que parece que a situación mellora, as condicións de vida da pobre vella seguen a ser inxustas.
Dese modo, mollada pola chuvia e sentindo frío na súa branca pel, a velliña vella chegou a un impoñente edificio no que, para a súa sorpresa, traballaba un dos seus fillos que era político. A velliño cando chegou onda el preguntou:
- Fillo, ti que tes poder para propor novas leis, solicita que se elabore unha lei que me devolva os dereitos.
Mais o fillo político contestoulle:
- Señora, nós, os políticos, temos moito que facer, e non podemos pararnos a solventar os problemas dunha persoa soa.
Tristeira, a velliña vella continuou o seu camiño polas estreitas e amofadas calzadas compostelás, ata que chegou a un instituto feo e dunha cor aburrida onde sabía que atoparía ao seu outro fillo que era profesor. Tras cruzar un patio cheo de alumnos que se rían dela descaradamente, a velliña vella encontrouse co seu fillo ao que lle preguntou:
- Fillo, o feito, feito está, mais, ti que educas ás novas xeracións, non poderías educar aos teus alumnos para que defendan os meus dereitos no futuro?
E o mestre respondeulle:
- Señora, saia fóra e observe.
A velliña vella saiu de novo ao patio de recreo e observou, ou, mellor dito, escoitou. Os rapaces e as rapazas só falaban en castelán! Nese momento a velliña vella comprendeu que aínda tiña un longo camiño que percorrer ata que alguén reclamase os seus dereitos... Nicolás G. G.

10/11/11

A VELLIÑA VELLA NO S. XXI (II)

O castro de Elviña
Un día ía a velliña vella pola cidade da Coruña e pediulle a unha nena direccións para chegar á cidade vella. A nena deullas en castelán, e a vella entristeceuse moito porque o seu idioma xa non se falaba entre a xuventude, polo que foi visitar a un seu fillo que era director dun instituto.
Cando chegou díxolle ao seu fillo:
- Como é que os nenos xa non falan o noso idioma? Deberían falalo, é parte da nosa cultura. Tes que poñer máis galego neste instituto.
- Mire señora, eu non teño ningún poder sobre isto, terá que ir falar co Presidente da Xunta
A velliña foi falar co Presidente, pero non a atendeu porque tiña cousas que, segundo el, eran máis importantes.
Finalmente, foi visitar a un seu fillo que era cura, contoulle o seu problema e el díxolle:
- Mire, eu axudaríaa, pero non podo, non teño ningún control sobre este tema, sinto o mesmo que vostede, pero non a podo axudar.
A velliña vella, moi triste, foi visitar o Castro de Elviña, onde intentou conectar cos nosos antepasados celtas.
Charline M. H.

09/11/11

A VELLIÑA VELLA NO S. XXI (I)

O cemiterio de San Amaro
Para recuperar o que é seu, a velliña vella visita a algúns dos seus fillos da cidade. Atopa todo moi cambiado: altos edificios, coches por todos os lados e ningunha semellanza coa paisaxe chea de aldeas na que ela vivía. Atopábase desconcertada, confusa, pero coas mesmas ganas de recuperar o que era seu. Por iso comezou a chamar ás portas dos seus fillos.
En primeiro lugar visitou ao director dun colexio.
- Ola fillo, confiaba en que puideses axudarme a recuperar o que é meu. Fai moitos anos que intentei recuperarvos, a vós os meus fillos e a miña terra e ninguén me fixo caso. Por iso confío en que ti co teu poder podas axudarme.
E o director dixo:
- Señora, lo siento mucho pero yo no la conozco y no tengo poder para ayudarla. A lo mejor en el Ayuntamiento pueden hacer algo por usted.
A velliña, moi amargurada, percorreu toda a cidade ata chegar ao concello da Coruña (cidade na que se atopaba), que estaba na Praza de María Pita. Pediu cita co alcalde e despois de ter que esperar un par de horas conseguiu falar con el uns instantes.
- Bos días, viña falar con vostede, coa pouca esperanza que me queda, para que me axude a recuperar o que é meu. Veño moi desanimada porque un dos meus fillos non quere falar comigo como eu falo con el, e non me quere axudar coa miña revindicación. Penso que vostede, co seu poder sobre a cidade da Coruña poderá axudarme.
- Perdoe señora, pero non teño tempo para axudala. Por favor, teño unha reunión importante agora mesmo así que se non lle molesta...
- Non se preocupe, estou moi acostumada aos desprezos dos meus fillos, que non son capaces de defender a miña honra nin a miña dignidade a pesar de ser eu a súa nai.
A velliña vella abandonou o concello e foi ao cemiterio de San Amaro para, unha vez máis, pedir axuda aos mortos.
Natalia N.

06/11/11

A VELLIÑA VELLA

Unha vez feita unha lectura comprensiva do conto d'A velliña vella tócavos a vós imitar ao autor trasladando a historia á actualidade.
A ver quen fai o conto máis crítico e atractivo.


Premede sobre a imaxe e poderedes ler o conto d'A velliña vella de V.Risco en formato de cómic.

16/10/11

A materia de Bretaña, (Excalibur)

Para coñecerdes mellor os antecedentes simbólicos da obra de Cabanillas Na noite estrelecida tedes a excelente película EXCALIBUR do director John Boorman coa que poderedes coñecer á maioría dos personaxes da Materia de Bretaña. A película está baseada na obra do s. XV de sir Thomas Malory A morte de Arthur.
Fixádevos tamén na música seleccionada polo compositor Trevor Jones, a maioría fragmentos de distintas obras de R. Wagner e do Carmina Burana de Carl Orff.

15/10/11

Ramón Cabanillas

Mirade este resumo en imaxes de Cabanillas para repasar o que xa vimos na clase.

23/09/11

A Galicia do 1º terzo do s. XX (1ª Parte)

Tedes a continuación tres documentais que vos poden servir de complemento para repasar o que estivemos a ver na clase o día anterior.
Védeos con atención porque o próximo día vanvos servir para facer un traballo na clase.





18/09/11

GLOSARIO DE LITERATURA DO 1º TRIMESTRE (CURSO 2011-2012)

Estades a comezar un curso no que a maioría vos achegades por primeira vez á Literatura do s. XX. Pero iso non quere dicir que non escoitarades falar ou non virades escritas algunha vez as palabras que aparecen a continuación. Dade unha definición ou facede un comentario do que saibades de cada unha delas. O próximo día comentámolas entre todos na clase.

Wordle: Lit. Gal. de preguerra
Premede na imaxe para vela máis grande

05/06/11

A LITERATURA GALEGA ACTUAL

Aquí tedes as preguntas tipo test dos temas 11 e 12 que fixestes esta semana. Mirádeas ben que vos poden salvar o exame.

29/05/11

A LITERATURA DE POSGUERRA

Este blog de aula leva un tempo abandonado por razóns alleas á nosa vontade. Agora que falta pouco para rematar o curso imos poñer algunha entrada relacionada cos catro últimos temas de literatura.
Para comezar déixovos aquí un enlace para que vaiades as preguntas que elaborastes dos temas 9 e 10, é dicir, os poetas dos 50 e a narrativa dos 60. Só tedes que premer AQUÍ. Xa sabedes que entrades como convidados.

14/03/11

EXAME DA 2ª AVALIACIÓN




Igual que na 1ª avalición unha parte do exame do día 18 de marzo será tipo test. Podedes ver todas as preguntas elaboradas por vós se entrades AQUÍ como convidados.

12/03/11

A LIT. DE POSGUERRA: EXILIO E LONGA NOITE

Se queredes máis información podesdes entrar en

19/02/11

CENTENARIO DE ÁLVARO CUNQUEIRO (II)

Tedes a continuación unha excelente presentación que vos pode servir para situar a Cunqueiro no espazo e no tempo que lle corresponde.
VÉDEA CON ATENCIÓN
O Consello da Cultura Galega pon tamén a disposición de todos un arquivo sonoro multimedia titulado CUNQUEIRO NA SÚA VOZ que pode ser do voso interese de cara ao traballo que tedes que facer.

30/01/11

CENTENARIO DE ÁLVARO CUNQUEIRO (I)

Todos os xornais anuncian que o Centenario de Cunqueiro se vai celebrar con actividades por toda Galicia.
Eis o que di, por ex. O Xornal de Galicia.com :

"O calendario de actividades iniciarase en Vigo entre os días 21 e 26 de febreiro, cunha serie de actividades de rúa, como lecturas dramatizadas, animación e exposición de textos de Cunqueiro en diferentes zonas da urbe. O acto central na cidade olívica será o día 26 ás 19.00 horas no auditorio do Centro Social Novacaixagalicia e contará con lecturas dramatizadas, vídeo homenaxe e unha actuación de Emilio Batallán.

Posteriormente, en marzo, terá lugar a inauguración dunha exposición sobre Álvaro Cunqueiro en Santiago de Compostela, a cargo da Consellería de Cultura, unha cidade que tamén acollerá un recital poético-musical de Amancio Prada. Esta exposición, que será de carácter itinerante, pasará despois por Lugo, Ourense, Mondoñedo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo, así como por algún dos Institutos Cervantes fóra da comunidade.

Na mesma liña, o 2 de abril celebrarase en Compostela o acto literario Cunqueiro, a maxia da palabra, con Quico Cadaval e Cándido Pazó, introducido dentro do ciclo Galicia, ceo das letras, que organiza a Xunta na Cidade da Cultura.

Entre outras actividades que se celebrarán ao longo do ano está a posta en marcha dunhas “rutas cunqueirianas” a cargo do Consello da Cultura Galega, así como a elaboración dun documental a cargo de Antón Reixa e patrocinado pola Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais. Tamén se realizarán actos literarios en honra a Cunqueiro en Madrid e Barcelona, mentres que a Agadic patrocinará a montaxe d’O incerto señor don Hamlet, de Cunqueiro, a cargo de Sarabela Teatro. Para finalizar, a Cidade da Cultura organizará unha exposición sobre Cunqueiro e a gastronomía."
Nós tamén nos uniremos ás celebracións con traballos en grupo sobre Cunqueiro e a súa obra.