02/12/10

CALIGRAMAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

26/11/10

EXAME DA 1ª AVALIACIÓN

Rematada hoxe a data de entrega das vosas preguntas, tedes á vosa disposición toda a 2ª parte do cuestionario, temas 3 e 4.
Para poder velo só tedes que entrar AQUÍ.

23/11/10

EXAME DA 1ª AVALIACIÓN

Xa está á vosa disposición  a 1ª parte do cuestionario, temas 1 e 2, coas preguntas tipo test que fostes elaborando ao longo do trimestre. Tan só tedes que premer AQUI para acceder a el como convidados.
En canto me entreguedes todas as preguntas dos dous temas seguintes poñeréivolas tamén.
A ver cantas sabedes!!!!

22/11/10

MANUEL ANTONIO

Manuel Antonio é un dos representantes máis destacados das vangardas galegas e a publicación do seu manifesto Máis Alá supuxo un revulsivo no panorama cultural galego do seu tempo. Nel arremete contra os vellos que segundo el dícía "son os que escriben hoxe coma se vivisen no antonte dos séculos", e propugna unha renovación estética e temática afastada do ruralismo decimonónico e unha absoluta liberdade creativa.
O seu libro De catro a catro "Follas sen data dun diario d'abordo", o único publicado en vida, escrito a bordo do pailebote Constantino Candeira, é unha especie de caderno de bitácora composto por 19 poemas, de influencia creacionista, nos que vai contando as incidencias dunha travesía que vive como un medio de coñecemento.
PODEDES VER UNHA ANÁLISE DOS POEMAS DO SEU LIBRO DE CATRO A CATRO ENTRANDO AQUÍ.

21/11/10

OS CALIGRAMAS

Como van eses caligramas?. Se tedes algunha dúbida, botádelle un ollo á presentación que tedes a continuación.

18/11/10

AS VANGARDAS POÉTICAS GALEGAS

Os que queirades afondar máis sobre o tema das VANGARDAS entrade AQUÍ.

14/11/10

CASTELAO

Castelao foi un artista en todo o sentido da palabra. Comezou a súa actividade artística como debuxante e pintor e posteriormente extenderíaa tamén ao ámbito da literatura. Repasade na presentación que vai a continuación o que vimos na clase.

A agora podedes ver dous curtas, moi diferentes entre si, inspiradas en dous contos de COUSAS de Castelao premendo nos títulos:

13/11/10

CON UN SEIS E CON UN CATRO APARECE O TEU RETRATO


PREMEDE NA IMAXE PARA VER OS VOSOS RETRATOS

02/11/10

AVISO IMPORTANTE


30/10/10

ANIVERSARIO DA REVISTA NÓS

Co obxectivo de europeizar a cultura galega rescatándoa do illamento no que se atopaba, saía en Ourense hai hoxe 90 anos o 1º número da revista Nós, boletín mensual da cultura galega, da que se publicaron 144 números entre 1920 e 1935, unha empresa impulsada e dirixida por Vicente Risco á que se incorporaría Castelao como director artístico e na que tamén colaborarían outros persoeiros do denominado Grupo Nós como Otero Pedrayo, Cuevillas ou Losada Diéguez.
Na revista Nós colaborarán ademais de escritores galegos, escritores de países europeos como Portugal, Irlanda, Inglaterra ou Francia, e tamén de países de Hispanoamérica. 

24/10/10

O TEMA DA MORTE NA LITERATURA GALEGA

C. David Friedrich
Vida e morte son dúas caras dunha realidade coa que convivimos desde o mesmo momento de nacer, de aí que desde o comezo dos tempos o tema da morte estea presente nas diferentes manifestacións culturais de todo o mundo.

Na maioría das culturas hai un día ao ano no que a morte adquire un protagonismo especial para honrar a memoria dos antepasados. En Europa parece ser que esta celebración relixiosa do 2 de novembro se remonta ao s. VIII. Non obstante, ten as súas raíces en antigos ritos pagáns de culto aos mortos como o Samhain celta.

vai de medo



Herdo desa tradición ancestral son as abondosas historias de ultratumba sobre defuntos que reviven, se aparecen ou interactúan dos máis variados xeitos cos vivos. Destas historias nutríronse un bo feixe de escritores galegos que proporcionaron á nosa literatura unha longa cantidade de títulos nos que os mortos, dun ou doutro xeito, teñen o seu papel. Este é o caso de Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Rafael Dieste, Xosé Miranda, A. Fdez. Paz, Suso de Toro, e moitos outros.

Aproveitando que estamos a estudar o GRUPO NÓS, recoméndovos especialmente que leades UN OLLO DE VIDRO de Castelao, porque ademais de ser un clásico do xénero estou segura que vos divertiredes coa súa lectura. 

E como o culto aos mortos está indisolublemente unido aos monumentos funerarios, entrade AQUÍ para coñecer a súa historia de máis de 5000 anos.
Se queredes coñecer máis sobre este tema entrade AQUÍ.

18/10/10

A FIESTRA VALDEIRA

Como vai a lectura d'A fiestra valdeira? Lembrade que tedes que lela antes do 12 de novembro.
Como sabedes, esta obra de teatro escrita por Rafael Dieste foi lida por primeira vez no ano 1927 no Seminario de Estudos Galegos.
Rafael Dieste, aínda que era máis novo que os autores do Grupo Nós, relacionaouse con eles e mesmo estivo vinculado durante algúns anos a actividades e lugares comúns, como o S.E.G.
Se queredes máis información sobre a obra podedes atopala AQUÍ.
E para que vos fagades unha idea de como resulta o texto representado, vede a continuación a interpretación dalgunhas escenas.

12/10/10

POESÍA DE CABANILLAS

Rematado o periodo de percura e selección entre as aulas de A e C, as poesías de Cabanillas que quedaron nas primeiras posicións foron as seguintes:

CAMIÑO LONGO

Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
camiño longo
da miña vida!

Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
vereda torta,
ti onde me levas!

Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
camiño longo
da miña vida!

Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sen ágoa;
sen carballos que den sombra,
nin chouzas que den pousada...
vereda fonda,
ti cando acabas!

***********

Na tristeza das horas do desterro
ante os meus ollos rebulindo, brillan
roxas e ardentes, pra morrer nun sopro
voadoras muxicas.
 
Son as miradas túas; as que soltas
no aburrimento triste desa vida
con que o ceo a friaxe do teu peito
xustamente castiga.
 
Como saben que as quixen e aínda as quero
co sufrido penar daqueles días
veñen a consolarme, agarimosas...
máis ca ti compasivas!

***********

NA TABERNA

Os mozos mariñeiros da fiada
lémbranse rindo alleos de coidados;
cheira a aceite e pemento requeimados
rustrido de xurés en caldeirada.

Conta o patrón nun corro a treboada
do ano setenta -historia de afogados-
e empuxándose, inando, entran mollados
os homes dunha "lancha de enviada".

Pasa de man en man a xerra roiba
de albariño, e namentras cae a choiva
o vento fai tremer a casa enteira,

detrás do mostrador clarexa o ceo
nas trenzas de ouro, no mirar sereo,
na sorrisa de luz da taberneira.

************

A ROSA QUE SANGRA

A alma é unha roseira
florecida, callada
de rosiñas vermellas
e de rosiñas brancas.

Alegrías e penas
son o vento que pasa;
ás veces como un bico,
ás veces treboada.

Unha bágoa que xorde,
unha risa que estala...
son rosiñas que caen
da roseira da alma.

Miña nai que me arrola,
un amor que me chama,
a estreliña da gloria
no sendeiro da espranza...

Cando a vida comeza
¡Cantas rosiñas brancas!

Un filliño que morre,
un amor que se apaga,
a ilusión que se afoga
no remuíño das augas...

¡Cantas rosas vermellas
ao mediar a xornada!

Xa son vello, e o vento,
vento de treboada,
desfolloume a roseira,
a roseira da alma.

Pero esta dor da Terra
ferida e escravizada...
¡Que rosiña vermella!
¡Como doe!¡Como sangra!

**********

¡Alma nacional e ardente
canta anque che custe bágoas!
¡Teus cantares son semente!

¡Astra que os ladróns enxorden
entre as cantigas que bican
pon as que feren e morden!

Está cativa a roseira,
mais, despois de tanto inverno...
¡Galicia ha ter primavera!

¡Xa sei, xa sei que fan falla
moitas fouces, moitos mistos
e moitos feixes de palla!

¡Axiña esperta Galicia
que xa se escupe ós caciques
e fai ruxir-la xusticia!

¡Xa o novo día alumea!
¡Xa a Sociedá dos labregos
ten choza de seu na aldea!

¡A noite é fría e escura
pro, ó fin, o amañecer
tráenos co sol a quentura!

¡Patriano, o meu rogo escoita!
¡Eu quero un posto á túa beira
o roxo día da loita!

**********************

DIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRO

¡O espadeiro! ¡Acios mouros, cepas tortas,
follas verdes, douradas e vermellas,
gala nas terras vivas de Castrelo
nos Castelos de Oubiña e nas areas
de Tragove e Sisán, do mar de Arousa
e o Umia cristalino nas ribeiras!


¡O espadeiro amante! ¡O viño doce!
¡Alegría de mallas e espadelas,
compañeiro das bolas de pan quente
e as castañas asadas na lareira!


¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron
en namorantes páxinas sinxelas
os antigos abades do mosteiro
de Xan Daval, na vila cambadesa,
aqueles priores leigos e fidalgos,
mestres na vida, na virtú e na ciencia,
que sabian -¡ouh tempos esquencidos!-
cantala misa, escorrentalas meigas,
acoller e amparar orfos e pobres,
rir coas rapazas, consellalas vellas,
darlle leito e xantar ós peregrinos,
pechar por foro as portas da súa igrexa
á xusticia do Rei, cobralos dezmos
e dispoñer vendimas e trasegas!

¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño,
sangue do corazón da nosa terra,
que arrecende a mazás e a rosas bravas,
quence os peitos e as almas alumea,
e sabe a bicos de mociña nova,
aldeana e trigueira!
¡Como canta ó caír nas brancas cuncas
desde as pintadas e bicudas xerras!
¡Como latexa e brilla ó coroalas!
¡E como loce e ri cando as adreza,
asemellando fíos de rubises,
cun rosario de escumas sanguiñentas!
Cando nas mornas tardes de romaxe
vai na alombada pipa taberneira
ó souto que se estende ó pé da ermida
onde as campanas repinican ledas;
Onde axordan os fogos de tres tronos
e ó son da gaita a mocedá tolea,
é a alma do galán verba maina;
de labradora e viril maxeza,
que o mesmo se derrete coas rapazas
que arma sin máis nin máis unha quimeira;
solta un “¡Ei, carballeira!” erguendo a moca
e facéndose atrás, e… ¡adiolas festas!

Cando o xeado inverno alonga as noites
e en santa paz, ó pé do lar, se axeitan
mozos o vellos, desbullando o millo,
dándolle ó fuso ou restelando teas,
o espadeiro é o espirito do petrucio
de garimosa fala churrusqueira,
de mans de prata e lombo acorcobado,
queixo tembrón e neve nas guedellas,
que chiscando os olliños contra os mozos,
pondo ás rapazas cores nas meixelas,
sabe contar os divertidos feitos
e as antigas historias que comenzan:
”Unha vez, unha nena e mais un frade…”
”Tiña, naquel entón, un paxe a reina…”

¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño
das noites mozas! Claridá de estrelas.
O aturuxo zoando nas quebradas…
Mozos… Pandeiros… Un amor que empeza…
Aromas das carqueixas e do trevo…
De man en man, a bota carreteira…
Unha cantiga ó pé dunha ventana…
¡Detrás dos vidros, Ela!
¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente
sangue do corazón da nosa terra!
¡Acende os corazóns dos apoucados!
¡¡prende lume nas almas, viño celta!!

03/10/10

A ÉPOCA DAS IRMANDADES

Estamos vendo estes días a poesía de Cabanillas e o contexto histórico no que se desenvolveu. Tivemos que buscar un texto seu, o que máis nos gustara, e lelo logo na clase explicando o porqué da nosa elección.
Para repasar o que vimos e iniciarnos no tema seguinte, vede atentamente este traballo feito por Román Landín:

Son moitos os textos de Cabanillas que foron musicados. Se queredes escoitar algún deles só tedes que premer AQUÍ.

22/09/10

LECTURAS PARA O CURSO 2010-2011

Este ano, ademais das lecturas obrigadas de cada trimestre, propoñémosvos unha selección da que elixiredes un mínimo de tres libros.
Pero se algún alumno le máis, contribuirá ao medre da súa nota final.

LECTURAS OBRIGADAS:
1º trimestre: A fiestra valdeira de R. Dieste.
2º trimestre: Merlín e familia de A. Cunqueiro.
3º trimestre: A Esmorga de Blanco Amor.

LECTURAS SELECCIONADAS PARA ELIXIR:
Irmán rei Artur de C. G. Reigosa.
A trabe de ouro e outros contos de V. Risco.
Un bosque cheo de faias de Francisco Castro.
Agosto do 36 de X. Fdz. Ferreiro.
A nosa cinza de Xabier Alcalá.
Cómaros verdes de A. Iglesia Alvariño.
Aire Negro de A. Fdez. Paz.
Que me queres, amor? de M. Rivas.
Tristes armas de Marina Mayoral.
Resistencia de Rosa Aneiros.
Do Courel a Compostela de U. Novoneyra.
A Pomba e o degolado de Fina Casalderrey.
Cartas de amor de Fran Alonso.
Saxo Tenor de R. Vidal Bolaño.
Fin de século en Palestina de M.A. Murado.
Morning Star de X. Miranda.
Ilustrísima de Carlos Casares.
Vermella con lobos de Carme Blanco.
Poetízate de Fran Alonso.
Lugar de Raúl Dans.
Ás de bolboreta de Rosa Aneiros.