11/11/11

A VELLIÑA VELLA NO S. XXI (III)


Camiñando lentamente polas suxas e molladas rúas de Santiago ía a velliña vella. Ía soa, vestida de loito e con bágoas nos ollos, talvez recordando mellores tempos pasados.
Era por iso que a velliña vella se atopaba na capital galega para reencontrarse cos seus fillos e pedirlles que a axudasen a recuperar o que verdadeiramente lle pertence nesta época que é unha farsa: malia que parece que a situación mellora, as condicións de vida da pobre vella seguen a ser inxustas.
Dese modo, mollada pola chuvia e sentindo frío na súa branca pel, a velliña vella chegou a un impoñente edificio no que, para a súa sorpresa, traballaba un dos seus fillos que era político. A velliño cando chegou onda el preguntou:
- Fillo, ti que tes poder para propor novas leis, solicita que se elabore unha lei que me devolva os dereitos.
Mais o fillo político contestoulle:
- Señora, nós, os políticos, temos moito que facer, e non podemos pararnos a solventar os problemas dunha persoa soa.
Tristeira, a velliña vella continuou o seu camiño polas estreitas e amofadas calzadas compostelás, ata que chegou a un instituto feo e dunha cor aburrida onde sabía que atoparía ao seu outro fillo que era profesor. Tras cruzar un patio cheo de alumnos que se rían dela descaradamente, a velliña vella encontrouse co seu fillo ao que lle preguntou:
- Fillo, o feito, feito está, mais, ti que educas ás novas xeracións, non poderías educar aos teus alumnos para que defendan os meus dereitos no futuro?
E o mestre respondeulle:
- Señora, saia fóra e observe.
A velliña vella saiu de novo ao patio de recreo e observou, ou, mellor dito, escoitou. Os rapaces e as rapazas só falaban en castelán! Nese momento a velliña vella comprendeu que aínda tiña un longo camiño que percorrer ata que alguén reclamase os seus dereitos... Nicolás G. G.

0 comentários: