09/11/11

A VELLIÑA VELLA NO S. XXI (I)

O cemiterio de San Amaro
Para recuperar o que é seu, a velliña vella visita a algúns dos seus fillos da cidade. Atopa todo moi cambiado: altos edificios, coches por todos os lados e ningunha semellanza coa paisaxe chea de aldeas na que ela vivía. Atopábase desconcertada, confusa, pero coas mesmas ganas de recuperar o que era seu. Por iso comezou a chamar ás portas dos seus fillos.
En primeiro lugar visitou ao director dun colexio.
- Ola fillo, confiaba en que puideses axudarme a recuperar o que é meu. Fai moitos anos que intentei recuperarvos, a vós os meus fillos e a miña terra e ninguén me fixo caso. Por iso confío en que ti co teu poder podas axudarme.
E o director dixo:
- Señora, lo siento mucho pero yo no la conozco y no tengo poder para ayudarla. A lo mejor en el Ayuntamiento pueden hacer algo por usted.
A velliña, moi amargurada, percorreu toda a cidade ata chegar ao concello da Coruña (cidade na que se atopaba), que estaba na Praza de María Pita. Pediu cita co alcalde e despois de ter que esperar un par de horas conseguiu falar con el uns instantes.
- Bos días, viña falar con vostede, coa pouca esperanza que me queda, para que me axude a recuperar o que é meu. Veño moi desanimada porque un dos meus fillos non quere falar comigo como eu falo con el, e non me quere axudar coa miña revindicación. Penso que vostede, co seu poder sobre a cidade da Coruña poderá axudarme.
- Perdoe señora, pero non teño tempo para axudala. Por favor, teño unha reunión importante agora mesmo así que se non lle molesta...
- Non se preocupe, estou moi acostumada aos desprezos dos meus fillos, que non son capaces de defender a miña honra nin a miña dignidade a pesar de ser eu a súa nai.
A velliña vella abandonou o concello e foi ao cemiterio de San Amaro para, unha vez máis, pedir axuda aos mortos.
Natalia N.

0 comentários: