21/02/12

A RENOVACIÓN DA NARRATIVA GALEGA: A ESMORGA

A Esmorga é na actualidade un clásico da literatura galega. Publicada en B. Aires no ano 1959 ante a imposibilidade de poder ser publicada en España a causa da censura franquista, foi coñecida en Galicia clandestinamente por un público moi reducido. 
As circunstancias vitais de Blanco Amor, a cabalo entre Arxentina e Galicia farán que a súa obra sexa o resultado dunha triple influencia: o neorrealismo, a narrativa hispanoamericana e a tradición galega, o que supuxo a introdución de novos procedementos narrativos e estéticos na narrativa galega de posguerra. 
Un dos méritos d'A Esmorga é a súa coidada estrutura compositiva. A obra ábrese e péchase coa intervención dun narrador-cronista que nos informa, ao comezo, da documentación utilizada para a elaboración do corpo central e, ao final, da morte do narrador-protagonista, Cibrán, un marxinado incapaz de ser dono do seu destino debido a determinantes psicolóxicos e sociais.
Tanto nesta obra coma en Xente ao lonxe ou Os biosbardos, existen unha serie de motivos recorrentes que vertebran a narrativa de Blanco Amor: o espazo urbano de Auria, marco no que se desenvolven os acontecementos, a pertenza dos protagonistas ás clases populares ou aos marxinados sociais e os ambientes indixentes, en perfecta consonancia co subdesenvolvemento social e económico da Galicia de comezos do s. XX que Blanco Amor coñeceu antes de marchar para Arxentina.
A homenaxe á cidade de Ourense é o que explica a mención das súas rúas, prazas, igrexas, fontes... como se pode ver neste roteiro que trazou o Club Alexandre Bóveda de Ourense seguindo o itinerario percorrido polos protagonistas da obra:
Premede na imaxe para ver o roteiro con detalle

0 comentários: