30/01/11

CENTENARIO DE ÁLVARO CUNQUEIRO (I)

Todos os xornais anuncian que o Centenario de Cunqueiro se vai celebrar con actividades por toda Galicia.
Eis o que di, por ex. O Xornal de Galicia.com :

"O calendario de actividades iniciarase en Vigo entre os días 21 e 26 de febreiro, cunha serie de actividades de rúa, como lecturas dramatizadas, animación e exposición de textos de Cunqueiro en diferentes zonas da urbe. O acto central na cidade olívica será o día 26 ás 19.00 horas no auditorio do Centro Social Novacaixagalicia e contará con lecturas dramatizadas, vídeo homenaxe e unha actuación de Emilio Batallán.

Posteriormente, en marzo, terá lugar a inauguración dunha exposición sobre Álvaro Cunqueiro en Santiago de Compostela, a cargo da Consellería de Cultura, unha cidade que tamén acollerá un recital poético-musical de Amancio Prada. Esta exposición, que será de carácter itinerante, pasará despois por Lugo, Ourense, Mondoñedo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo, así como por algún dos Institutos Cervantes fóra da comunidade.

Na mesma liña, o 2 de abril celebrarase en Compostela o acto literario Cunqueiro, a maxia da palabra, con Quico Cadaval e Cándido Pazó, introducido dentro do ciclo Galicia, ceo das letras, que organiza a Xunta na Cidade da Cultura.

Entre outras actividades que se celebrarán ao longo do ano está a posta en marcha dunhas “rutas cunqueirianas” a cargo do Consello da Cultura Galega, así como a elaboración dun documental a cargo de Antón Reixa e patrocinado pola Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais. Tamén se realizarán actos literarios en honra a Cunqueiro en Madrid e Barcelona, mentres que a Agadic patrocinará a montaxe d’O incerto señor don Hamlet, de Cunqueiro, a cargo de Sarabela Teatro. Para finalizar, a Cidade da Cultura organizará unha exposición sobre Cunqueiro e a gastronomía."
Nós tamén nos uniremos ás celebracións con traballos en grupo sobre Cunqueiro e a súa obra.